Capa curta de satén de cor negra coa parte inferior cuberta cunha gran peza de encaixe mecánico da mesma cor. Leva escote redondo pechado con colo de tirilla que vai cuberto por unha cinta de satén moi pregada facendo volantes, que na parte dianteira queda solta para pechar facendo unha lazada. Abertura total dianteira pechada cun tres corchetes no canesú. O copo, que cobre ata a cintura, está formado por dúas pezas principais: o canesú e a capa propiamente dita, que vai moi pregada con grandes táboas para darlle moito voo. Na unión do canesú coa capa leva unha cinta de satén pregada facendo volantes como a do pescozo e dela parte a peza de encaixe mecánico, tamén moi pregada e adornada con formas de amebas de tipo caxemira. Tanto a peza de satén como a de encaixe rematan en ondas no borde inferior. Sobre o canesú, vai adornado cunha ancha tira de agremán, facendo ondas, feito de cordón e abelorios facetados de diferentes tamaños e algún en forma de bágoa